Wednesday 08 de May de 2024

Reunión de traballo entre o goberno local pobrense e o deputado provincial Alberto Lema


O alcalde da Pobra do Caramiñal, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), xunto coas concelleiras das Relacións Institucionais, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), e dos Servizos Municipais, Estefanía Ramos (Nós Pobra), mantiveron neste 8 de marzo unha reunión de traballo co deputado provincial da Marea Atlántica, Alberto Lema. Entre as cuestións que abordaron figura a mellora e ampliación do edificio de usos náuticos que alberga a actividade do Club Remo Puebla.

A este respecto, o deputado manifestou que dentro dos acordos orzamentarios co goberno provincial do 2022 se inclúe esta proposta co obxectivo de “mellora-las prestacións e cubri-las necesidades dun deporte que ten forte arraigo nesta vila.” Definiu así o proxecto como “ambicioso e de gran envergadura” e agárdase que se leve ao pleno provincial de marzo para a súa aprobación, o cal se traducirá nunha financiación do 80% da obra por parte da Deputación.

Doutra banda, o rexedor manifestou que a inversión neste proxecto ascende aos 394.738’30 euros, IVE incluído, dos cales a institución provincial aportará arredor de 300.000 euros e o resto será asumido pola Administración local. Isto redundará en “suplir unha necesidade que se fixo moi urxente no noso concello.” A falta de espazo fixo que, actualmente, o club “non ocupe só o edificio de usos náuticos, senón tamén, en precario, unha nave na zona portuaria que no seu día se dedicou á actividade empresarial.” O mandatario local aproveitou a ocasión para expresar o seu agradecemento por tódalas xuntanzas mantidas tamén cos deputados provinciais socialistas para lograr chegar a este acordo.

Posteriormente, visitaron diferentes espazos da localidade coma o parque infantil da Lombiña, cuxa rehabilitación se atopou ao abeiro do POS+2021 da Deputación da Coruña; as estradas provinciais DP-6703 e DP-6704 para a valoración de propostas de mellora; ou o Coworking Pobra que acaba de sumarse á Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo.